La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como estudante, recibín dúas labazadas na miña vida. A primeira deuma un profesor de latín porque me sorprendeu lendo A illa do tesouro cando tiña que estar traducindo a Virxilio. A segunda veume dun profesor que me pillou na cama cunha lanterna nunha man e unha novela de Conan Doyle na outra. Supoño que ambos os dous entendían que se trataba de lecturas pouco serias. Non conseguiron, non obstante, que chegase a aborrecer uns libros que daquela me gustaban e que co tempo acabarían gustándome aínda máis.

Onte mesmo pola noite, nesas primeiras horas marabillosas da madrugada, cando todo o mundo está durmindo e a televisión deixou de ser ese inevitable ruído de fondo que nos rodea sen que sexamos conscientes da súa presenza, abrín un libro do creador de Sherlock Holmes. Hai cousas que gañan moitísimo co tempo.

Contemplando un grupo de traballadores que saen dun estaleiro, o famoso detective di que parecen uns sucios bergantes, pero que seguramente todos ocultan dentro unha pequena chispa inmortal. Logo engade: “¡Que estraño enigma é o home!” E remata coa seguinte observación: o home, tomado de forma individual, é unha adiviñanza insoluble, pero considerado en conxunto convértese nunha seguridade matemática. Non pretendo tirar ningunha conclusión, pero estou convencido de que eu non merecía aquelas labazadas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de febreiro de 1994.