La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na xeografía sinistra da dor humana, o lugar de Robben Island carece da significación terrorífica dos campos de concentración nazi, pero non do seu horror. Era o cárcere onde os brancos de África do Sur metían os negros que se rebelaban contra o racismo. Alí pasou vinte e sete anos da súa vida Nelson Mandela, unha parte dos cales os empregou traballando nunha canteira de rocas calizas, nas que a color branca da pedra se convertía, baixo a incidencia dun sol impacable e feroz, nunha tortura máis dos ollos dos presos.

Durante eses anos, Mandela cultivou con agarimo, como se dunha fermosa flor se tratase, unha planta de tomates. No medio da fealdade xeolóxica e seca que o rodeaba, cun po ferinte que se infiltraba por todas partes e que castigaba con saña os pulmóns, o dirixente negro tiña naquel pequeniño oasis vexetal un verdadeiro tesouro.

Agora na autobiografía que acaba de publicar en inglés, Mandela recorda aqueles tomates. Nas liñas que dedica ao asunto da súa muller, da que se tivo que divorciar cando esta apareceu implicada nun par de asasinatos, asegura que a angustia que sentiu entón só se pode comparar coa tristeza que experimentou o día que descubriu no cárcere que lle secara a súa querida planta dos tomates. Só un home de corazón grande e sinxelo coma el pode facer o milagre de converter un simple tomate na máis preciosa de todas as flores.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de febreiro de 1995 .