La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Gústanme as biografías, o mesmo lelas que escribilas, por eso escribín varias. No fondo, polo menos tal como as entendo eu, son como novelas, contos ou relatos. O outro día, ó saír do acto que se celebrou na Real Academia Galega de Ciencias, un bo amigo díxome que esa fora a impresión que lle causara a lectura da Vida do Padre Sarmiento, que acabo de publicar. Alegroume porque esa era a intención que eu tiña cando a estaba redactando. Non digo que non se podan escribir biografías científicas, que se escriben e con talento, pero ese xénero forma parte da investigación académica, non da creación literaria.

En Galicia quedan moitas vidas por contar, non todas ilustres, pero case todas interesantes. Non hai á penas vidas vulgares. Eu boto de menos, por exemplo, unha biografía do cardeal Quevedo, de Ourense, aquel a quen as Cortes de Cádiz declararon «indigno de la condición de español». É certo que era un home ultraconservador, pero boa persoa, capaz de convivir sen problemas con coengos liberais, como o célebre Juan Manuel Bedoya.

E por seguir falando de eclesiásticos, tamén boto en falta unha biografía do ferrolán don Manuel Fernández Varela, de quen case ninguén sabe nada, a pesar de que foi persoa moi importante no seu tempo, cando era deán da catedral de Lugo e Comisario de Cruzada. Don Benito Pérez Galdós fala del nalgún dos corenta e tantos volumes dos Episodios Nacionales, pero non recordo en cal deles. Por suposto, usaba fibela de prata nos zapatos, como correspondía á xente da súa condición no século XIX, o cal non importa demasiado. O que me gustaría saber é se tiña un criado, como lin nalgún sitio, só para que lle acendese os puros habanos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xaneiro de 2002 .