La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei que sería daquel rapaz que apareceu nun monte de Ourense, alá cando eu estudaba o bacharelato, e do que aseguraban nos periódicos que se trataba dun neno-lobo. Vino unha vez na Praza Maior e levei unha  decepción. Nin tiña as uñas largas como dixeran, nin pelo na cara, nin longos dentes de drácula. Estaba arrimado a unha columna dos soportais, co dedo gordo da man dereita na boca e con aspecto de ser inocente total. Estiven mirando para el algún tempo, supoño que sen moito disimulo, esperando que fixese algo raro: ouvear, atacar a alguén ou andar a catro patas. Logo xa non volvín saber nada del.

Supoño que podería servir de exemplo para comprobar se é certa esa teoría, que agora defenden en América educadores e políticos, de que a vida dunha persoa depende dos tres primeiros anos de vida, especialmente do afecto que reciban e das horas que dediquen os seus pais a xogaren con eles, a estimulalos e a espertar a súa curiosidade.

Nalgúns estados, cando nacen, xa lles regalan un disco con música clásica. Non sei como non se lles ocorre mellorar o sistema e facer o que fixeron cun dos meus fillos en Suecia, que naceu escoitando o Concerto 21 para piano de Mozart, cousa que sempre espertou a miña envexa, porque nacín unha noite de tronos, segundo me recordaba a miña nai. E seguindo por ese mesmo camiño de melloras, podían introducir nas leis algún tipo de eximente á hora de aplicar a pena de morte, analizando con detalle eses tres anos decisivos, por se os culpables fosen os pais e non os fillos. E aínda máis, investigar se algunhas familias pobres cometeron a irresponsabilidade de non ter tocadiscos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xaneiro de 2000.