La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai en Nova York un restaurante de moda que se chama Patroon. Un deses días de aí atrás, tres homes novos, todos arredor dos trinta anos, entraron no comedor para cear. Ignoro todo sobre o menú, pero coñezo con detalle, a través dunha revista americana, o viño que beberon. Empezaron cun Haut Brion do 53: unhas trescentas mil pesetas; seguiron cun Château Margaux do mesmo ano: unhas duascentas cincuenta mil máis; remataron cun Château Petrus do 61, o que supuxo engadirlle oitocentas mil pesetas á factura.

Son os novos ricos que está producindo a onda expansiva da economía mundial e que nos Estados Unidos rebentan de diñeiro por todas partes. Mercan pisos en Manhattan por cifras equivalentes a mil millóns de pesetas; adquiren rebecas de cachemir por medio millón; reloxos de dous millóns e bolsos por outro tanto.

Tamén fuman puros habanos, que están prohibidos por razóns de tipo político, pero que eles conseguen, iso si, sen a etiqueta correspondente. Non obstante, como unha parte da graza da riqueza consiste na súa exhibición, pagando un pouco máis obteñen en paquete á parte as vitolas, que lles colocan de novo. Un Montecristo sáelles tirado: arredor de dúas mil pesetas. Supoño que ao día seguinte, metidos no traballo, terán en conta as leis do mercado, é dicir, salarios xuiciosos, custos laborais… Non sexa que se derrube o tinglado

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xaneiro de 1998.