La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte celebrouse en Vigo unha homenaxe a Xavier Pousa. Escribín uns folios para ler alí, pero a última hora non puiden asistir, aínda que enviei as miñas palabras para que alguén as lese por min. Pola mañá, estiven en Mondariz-Balneario preparando uns actos culturais que terán lugar en setembro e que se chamarán Encontros no Grial. Parte da sobremesa transcorreu falando de Pousa, con quen compartín algunhas tertulias nos salóns do Balneario. El estivo moi vinculado afectiva e profesionalmente con aquela localidade, a onde acudía con frecuencia, de xeito especial con motivo das actividades relacionadas coa pintura.

Dicía o alcalde da vila que Xavier tiña o convencemento de que estivera en Mondariz antes de estar alí por primeira vez. Non sei qué querería dicir o pintor, el que era tan pouco retórico e falaba cun sentido común que non admitía xogos falsamente poéticos nin pirotecnias de tipo verbal. Supoño que falaba con ironía e con humor. A non ser que se tratase dun soño. En cuestión de soños, Pousa era capaz de inventar o mundo.

Esa era a súa maxia verbal. Foi, xunto co noso común amigo Xulio Losada, de Ourense, un dos mellores narradores orais que coñecín na miña vida. Se se me permite a expresión, contaba como Deus. Nunca souben, nin me importou sabelo, se o Generoso (creo que se chamaba así), un dos seus personaxes favoritos, era un ser real ou un ente de ficción. Para min existía. Dáballe vida Xavier coas súas palabras, da mesma maneira que lle daba vida a outros seres humanos e outras cousas cos seus pinceis. Eu oínlle inventar un país enteiro, o Brasil. Cando estiven alí anos despois, decateime do ben que o inventara. Magnífico, real.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xaneiro de 2002 .