La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte lin nun periódico as declaracións dun señor de Barcelona que dixo que marchou de Cataluña porque Jordi Pujol lle roubou o seu país. Se iso é certo, ten toda a razón do mundo en queixarse e avergonzar publicamente ao político catalán, pois roubar é unha cousa moi fea, a non ser que se faga por necesidade. Eu tiven un compañeiro que, alá polos anos sesenta, arrapiñou unha galiña en Monforte, pero nunca me pareceu mal: tiña fame e andaba fuxido da policía. Son pecados que nin sequera hai que confesar.

A primeira vez que falei con Jordi Pujol foi nun restaurante. Presentoumo Xerardo Fernández Albor e non saquei a impresión de que fose un ladrón. Creo que viña a unha voda, invitado ademais por un amigo meu, un home serio e prudente que dubido moito que se atrevese a convidar á súa casa a unha persoa con esas mañas.

O que me resulta máis difícil de entender é como o denunciante chegou a ter un país da súa propiedade. Por moi rico e decente que un sexa, non semella fácil facerse cunha riqueza desa magnitude e menos aínda dispoñer dun lugar para gardala, excepto que sexa no corazón. Aí si que colle un país enteiro. É probable entón que se trate disto último. Nese caso, podería comprendelo. De todos os xeitos, tampouco me parecen ben estes amores excesivos. Os países é mellor compartilos cos demais. Hai para todos.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de decembro de 1996.