La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, nunha das reunións dos xurados encargados de decidir os Premios Nacionais de Literatura, despois dunha hora de votacións e discusións, por fin chegamos a un momento en que quedaban só tres candidatos. Propúxose entón que cada un de nós escribísemos dous nomes na papeleta, de maneira que quedaría eliminado o que menos votos tivese. A continuación sería moi fácil elixir o gañador entre a parella que resultase finalista. O procedemento, como non parece difícil imaxinar, é o máis normal e correcto.
De repente, un dos membros do xurado ergueu a man e pediu a palabra para unha cuestión de procedemento. Con total naturalidade, mesmo cunha inocencia candorosa, sen reparar na perversión do que propuña, dixo que talvez sería mellor facer unha votación escribindo un nome só, o de aquel que queriamos eliminar.
Eu acordeime dun incidente que me sucedeu en Suecia, hai xa bastantes anos, un día que tiven o despiste de deixar unha cámara fotográfica esquecida nun banco, en plena rúa. Convencido do civismo das xentes daquel país, dirixinme a un garda municipal para preguntarlle se había algunha oficina de obxectos perdidos. O home tardou en entenderme, ata que por fin me dixo se non estaría preguntando máis ben polo departamento de obxectos encontrados. A verdade é que hai unha pequena diferenza de matiz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de decembro de 1995.