La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Colombia, a eses individuos analfabetos que saben moitas cousas relacionadas coa vida, chámanlles doutores sen letra. Coñecín un deles hai tempo e pareceume que tiña algo que ver coa sabedoría dos nosos paisanos, pero sen o vicio da desconfianza. Tampouco caía na filosofía das obviedades, como o seleccionador nacional de fútbol, que queda marabillado ao descubrir que, non por ter nacido en Bilbao, un teña que ser forzosamente bo, e que en Barcelona ou Madrid hai tamén xente estupenda.

Falando do narcotráfico, dicía o doutor sen letra colombiano que era tan difícil de  erradicar como a prostitución, porque se trata do mesmo: gusto polo corpiño e gusto polos cartiños. Para ilustralo, puxo o caso do inferno: dous mil anos ameazando co lume e a xente segue pecando, especialmente co corpo e os cartos.

Onte falaba do mesmo tema na televisión un doutor con letra: bastón con empuñadura de prata, verbo torrentoso e florido, algo cursi para o meu gusto… A escenografía, indubidablemente teatral, inducía á desconfianza. A claridade de ideas e de solucións, rotundas e contundentes, puña en garda. Nin unha dúbida, nin unha contradición, nin un paradoxo; todo transparente e perfecto. Naturalmente con acusacións. A un sempre lle quedará unha dúbida: saber se tipos así son tontos ou farsantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de novembro de 1993.