por amarxedotempo | Jun 10, 2015 | Marxe
Escribo este artigo o venres pola tarde, en Madrid, cando faltan poucas horas para coller o tren que nos vai levar ata Bordeos, a onde está previsto que cheguemos o sábado pola mañá. A xente ten ganas de abandonar Madrid. Despois da magnífica organización dos portugueses, aquí todo transcorreu dunha maneira moi diferente, desde usar un só autobús de cincuenta prazas para meter os cento cinco escritores e as coordinadoras, ata ter que pagar a entrada no Museo do Prado, sen esquecer a impericia lingüística de guías e responsables de grupo. Será difícil explicarlles aos nosos colegas estranxeiros que non sempre é así.
Iso era o que trataba de facer eu coa miña compañeira de asento, unha escritora británica de orixe nixeriana, cando o noso autobús se atrancou nunha rúa por culpa duns coches mal aparcados. O chofer pitou, logo chamou á grúa, a continuación os armenios intentaron mover os … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 9, 2015 | Marxe
Polos periódicos sei que o novelista peruano Alfredo Bryce Echenique ten problemas cunha familia do seu país que se sente infamada nunha das últimas novelas do escritor. Non me sorprende. Hai anos, Bryce contábanos aos amigos unha divertida historia da que facía protagonista a unha das súas irmás, que non saía demasiado favorecida. Posteriormente, esa mesma anécdota converteuna nun conto titulado “Anorexia y tijeritas”, bastante cruel. Para vivir, Alfredo necesita historias e contos como se fosen aire.
Non coñezo ningún outro escritor que teña máis graza ca el contando vivencias persoais, das que non se libra nin sequera o seu irmán xordomudo. Hai que dicir que Bryce é un home educadísimo, sen maldade, pero que é capaz de vender a alma da súa familia por unha historia divertida. De aí naceu toda a súa magnífica literatura.
Nunha ocasión sacou nun dos seus libros a don Volodia Teitelboim, que é un … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 8, 2015 | Marxe
Onte pola tardiña, aproveitando que ía calor de verán, fun dar un paseo por Panxón. Non tiña nada concreto que facer e pensei que merecía a pena sentar nunha terraza para mirar o mar de cerca, tomar unha cervexa fría e botar un pito con calma, sen deixarse agobiar. Non me equivoquei. O día era espléndido, azul e claro, e tiña ese sosego prácido que se apodera da alma cando un sabe que pode perder un par de horas sen prexudicar a ninguén. De maneira que estiven de papón bastante tempo, completamente feliz.
Sacoume da dozura da vagancia unha parella que se puxo a discutir nunha mesa próxima; dous gordiños de aspecto simpático con cara de boa xente pillados nun mal momento. A disputa non me pareceu cousa do outro mundo: mentres o home gardaba silencio, ela dicía que estaba farta, que el era un monstro e que llas había … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 7, 2015 | Marxe
Non sei se o contei aquí algunha vez, pois despois de tantos anos (xa hai case vintecinco que eu empecei a escribir neste periódico), resulta inevitable repetir algunhas cousas. O caso é que unha vez, cando eu era neno, vin como unha señora, que creo que se chamaba Rosario, lle anunciaba ao meu pai un regalo por algún pequeno favor que lle fixera. Despois das protestas correspondentes que se fan nestes casos, dicindo que non era necesario andar con molestias, a señora meteu a man nun peto da saia e sacou unha mazá. Aínda recordo a cara do meu pai, non de sorpresa, senón de puro agradecemento, de acordo co santo varón que era.
Sei, polo tanto, o que vale unha mazá. Digo isto porque este ano só teño unha na mazaira do xardín. As demais, moitísimas que saíron despois de florecer as árbores no comezo da primavera, foron perdéndose … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 6, 2015 | Marxe
Ademais de Honorio, o alcalde pequeniño da miña vila a quen os nenos procurabamos mortificar dicíndolle boas tardes, había naquela época outros personaxes curiosos que atraían tamén unha boa parte da nosa crueldade. Un deles era o Peleteiro, un señor que medía cerca de dous metros e ía tomar as cuncas nun coche minúsculo, no que non me imaxino como conseguía entrar. O automóbil, un dos poucos que existían entón, tiña un aspecto raro, parecido a un cabazo redondo con rodas, pero con pretensións, pois era descapotable. A gamberrada consistía en cambiarllo de lugar, o cal resultaba moi doado.
Un rapaz metíase dentro para guiar e os demais, sen moito esforzo, iámolo empuxando ata afastalo trescentos ou catrocentos metros da praza que ocupaba. Para xustificar aquela acción diciamos que o Peleteiro, que era dentista, arrincaba as moas sas, só por fastidiar.
Un día cazounos, botouse a correr detrás de nós … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 5, 2015 | Marxe
Cando apareceu o teléfono por primeira vez, un paisano que non entendía ben en que consistía aquel aparato novo, do que falaba todo o mundo, preguntoulle a outro se lle podía explicar de que cousa se trataba. Este último díxolle: “Moi simple. Imaxina un can tan grande que mida tanto como a distancia que vai da Coruña a Barcelona. Pois ben, písaslle o rabo ao animal na primeira das cidades e solta o ladrido na outra. ¿Entendes?” Naturalmente que o home entendía, pois a explicación non tiña nada de complicado, pero o que quedaba resolto polo que respecta ao teléfono, convertíase en problema no que se refire ao bicho: “O malo é darlle a volta ao can“.
Desta historia rusa, que aquí adaptamos a Galicia, asegura Joseph Epstein que é unha proba ben clara do fráxiles que poden ser as metáforas e as analoxías cando se utilizan nos razoamentos. Onte, … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 4, 2015 | Marxe
Hoxe pola tarde, a iso das oito, chegarei a Lisboa para coller o Expreso da Literatura, ese tren que nos vai levar a cen escritores de corenta países ata San Petersburgo e Moscova, para rematar finalmente en Berlín o 14 de xullo. En realidade, o expreso non sae ata o próximo día 7, ás oito da mañá, rumbo a Madrid, pero antes temos que participar nunha serie de actos na capital portuguesa: recepcións, mesas redondas e lecturas, é dicir, o mesmo que faremos nas dezanove cidades onde teremos que parar, a razón de dous ou tres días en cada unha, excepto Wolfsburg e Brest, nas que só permaneceremos unhas horas.
Os amigos chaman para despedirse, a maior parte deles con alegría, outros, máis ben poucos, con algo de tristeza melancólica. Cos primeiros fago bromas e aos segundos dígolles que non marcho para América, que era o que se dicía hai … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 3, 2015 | Marxe
O pasado día 6 de decembro, no seu despacho de Washington, o inventor da nova revolución americana, o célebre Newt Gingrich, púxose a chorar como unha Magdalena. Acabábanlle de comunicar a constitución dun comité para investigar a súa conduta moral. Parece que choraba como os rapaces. El, que non aforrou adxectivos para denigrar aos seus adversarios, aos que chamaba corruptos, grotescos ou tolos, e que dicía que a Casa Branca era unha cova de drogadictos, por fin foi collido nas patacas.
Antes, foi un heroe nacional para moitos americanos, que creron de boa fe que ía transformar o país. Cando se soubo que Woody Allen tiña amores coa súa filla adoptiva, botoulle a culpa aos demócratas, aos que acusou de depravados. O mesmo fixo cando os periódicos contaron o caso dunha nai que afogou ao seu propio fillo.
A min, Gingrich sempre me pareceu un golfo, bastante incompetente, pero audaz. … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 2, 2015 | Marxe
Estiven lendo unha crónica, escrita hai xa tempo e recollida agora nun libro, que conta o barullo que se organizou un día no centro de Londres por culpa dun can. O asunto empezou cando o pobre animal sufriu un pequeno golpe, que finalmente non tivo consecuencias, como resultado da manobra imprudente dun condutor. O tráfico quedou paralizado durante varios minutos, non por cuestións técnicas relacionadas co accidente, que non as houbo, senón porque a xente se interesaba sinceramente pola sorte do animal.
O cronista destaca o feito de que a dona do can choraba de maneira desconsolada, como choraba igualmente o responsable do tropelo, pero sen que o público congregado se interesase por eles, preocupado como estaba por saber se o bicho ía morrer. Por último, resolto o suceso de forma favorable, todo o mundo se foi.
O autor da crónica censura a conduta do público, que lle parece ridícula, … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Jun 1, 2015 | Marxe
O verán pasado, cando estaba en Nova York, unha noite vin na televisión un senador aínda novo, de aspecto agradable, pero moi duro nos xuízos contra Clinton. Nun momento, despois de afirmar que se avergonzaba del e de facer unha defensa firme dos valores da familia, tivo que responder unha pregunta do periodista que o interrogaba, o cal quería saber como se podería comportar o entrevistado nunha situación similar a aquela pola que estaba pasando o presidente. Sen dubidalo, o senador dixo: “Eu nunca podería atoparme nesa situación porque tampouco sería capaz de mentir como el mentiu”. Automaticamente, deume a risa.
Díxoo dunha maneira como só pode dicilo un golfo, é dicir, con ese radicalismo moral perfectamente apreciable no ton, nos xestos e nos movementos da boca (esa delatora que nunca engana, ao revés do que sucede cos ollos) que nos fai pensar, sen dubidalo, no contrario do que nos … Seguir leyendo