por amarxedotempo | Ene 8, 2016 | Marxe
En Lamas, unha aldea próxima a Xinzo de Limia onde eu pasei longas tempadas na miña infancia, nunca sucederon grandes cousas. Que eu recorde, na historia local, un dos acontecementos máis importantes foi a chegada dos franceses cando a Guerra da Independencia. Segundo a tradición, meteron os cabalos na capela e fixeron algunhas barbaridades, entre elas o intento de roubar unha pequena imaxe de madeira, que eu vin moitas veces e que aínda debe andar por alí, coñecida polo nome de O Xerelo.
Outras historias dignas de destacar son o rumor que se correu nunha ocasión, que xa citei aquí, de que no lugar da Manga, un día de tronada con pedrazo, caera un home espido desde o ceo, ou a festa que se organizou cando o Leonardo se empeñara en voar cunhas alas de palla, unha loucura que acabou en chirigota.
Tamén houbo algunha morte violenta sonada e algúns … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Ene 7, 2016 | Marxe
Estes días das festas estiven lendo unha historia de crimes famosos, literatura que sempre me entretén. Mesturados con eles, incluíanse tamén algúns atentados, como a bomba contra o xeneral Martínez Campos, que lle tirou un tal Paulino Pallás, un alucinado de vinte anos, o cal, despois de lanzar a dinamita, púxose a berrar: «¡Fui yo! ¡Fui yo!»; ou a masacre do Liceo de Barcelona, no mesmo ano de 1893, cando outro tipo delirante, un tal Santiago Salvador, matou a dezaoito persoas polo pecado de seren burguesas, ou sexa, por asistir á representación dunha ópera. Con frecuencia, a estupidez causa mortes.
Tamén estiven lendo a historia do Crimen de la Calle de Fuencarral. Ademais do suceso en si, que consistiu no horrible asasinato dunha señora por parte da criada, o máis interesante foi o que se descubriu. Resulta que o fillo da morta, un tal Varelita, a quen quixeron complicar … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Ene 6, 2016 | Marxe
Acabo de ler un libro no cal, o seu autor, Joan de Sagarra, conta como no verán de 1957, cando aínda non cumprira os vinte anos, planificou con todo detalle, xunto cun amigo do seu mesmo tempo, natural de Cáceres, o ligue de Brigitte Bardot. Tiñan xa todo preparado: pasaportes, mapas, diñeiro e un coche deportivo, descapotable. Se a isto lle engadimos o descaro dos dous golfos e a experiencia en trances similares dun deles, poderíase dicir que só faltaba o consentimento da moza, que tampouco debía de ser cousa fácil.
O plan fracasou porque os aventureiros se asustaron. Moitos anos despois, cando Brigitte Bardot publicou as súas memorias, Sagarra pensou que tiñan perdido a oportunidade da súa vida. Naquela época, segundo ela mesma conta, estaba en Sevilla e pretendeu ligar a un conserxe noviño, chamado Xavier, pero sen resultado.
Parece que o mozo acudiu ao cuarto da actriz, invitado … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Ene 5, 2016 | Marxe
Estes días, os periódicos ingleses, igual que sucede no resto do mundo, andan á procura dos mellores libros do ano. Un crítico, Nicholas Mosley, seleccionou entre todos unha escolma de poesía, da que dixo que lle parecía a obra máis admirable de todas cantas se publicaron en 1993. Para que a súa escolla non parecese arbitraria, tratou de fundala en argumentos sólidos: mag nífica a tradución, magnífica a representación dos poetas elixidos e magníficos os temas tratados. Ademais, o autor é o seu fillo.
Con ser esta última unha razón de peso, capaz de xustificar calquera cousa, non debe ser a máis importante, pois no suplemento literario do Times desta semana danlle en parte a razón: cariños paternos a un lado, parece que o citado libro está moi ben. De aí que o pai incluso se atrevese a recomendalo como un bo regalo de Nadal.
Respondendo á mesma enquisa, Jeanette … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Ene 4, 2016 | Marxe
O outro día, en Ourense, fun dar un paseo no coche para fuxir da néboa, que era espesa e fría, e buscar o sol. Elixín o alto do Cumial, quizais porque cando era pequeno e viña desde Xinzo, aquela era a raia divisoria entre o azul do ceo e a cor gris da brétema. Por certo que ao pasar por debaixo da ponte do tren, en Seixalbo, acordeime dunha historia que contaba o meu pai. Contouma a primeira vez un día que iamos no autobús, sentados na baca, en compañía dun xuíz que se apelidaba Saco, nome que a min me daba a risa. Supoño que ma contou para que agachara a cabeza e non cometera a imprudencia de levantala ao pasar por debaixo da ponte.
A historia, segundo dicía o meu pai, sucedera alí mesmo, había algúns anos, imprecisión temporal que eu asociaba sempre cos tempos para min remotos … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Ene 3, 2016 | Marxe
Hai uns meses, comendo na casa duns amigos, tiven a ocasión de escoitar a dous membros da Real Academia Española que falaban con graza dalgunhas interioridades pouco coñecidas daquela prestixiosa corporación. Por eles fun sabendo dos costumes, as manías e as características persoais de moitos dos seus colegas, citados sempre, iso si, con elegancia e corrección, aínda que non sen humor, incluído ese que se basea na sutileza e o enxeño, que por fortuna para a intelixencia adoita ser case sempre bastante maligno.
No capítulo dos aspirantes, a letra grosa foi para un coñecido escritor que a min me inspira, desde hai anos, unha incontrolable aversión de tipo moral. O paxaro, indignado por non conseguir o seu propósito, tramou a máis miserable das vinganzas posibles: o día do enterro de Dámaso Alonso, director da Real Academia, foille mexar na tumba. As fotos da ignominia están gardadas nunha carpeta.
Precisamente, acabo … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Ene 2, 2016 | Marxe
O día primeiro do ano non foi bo. Cando me erguín pola mañá e baixei para almorzar, atopeime con que Leda, unha das cadelas da casa, fixera unha indecencia no medio da cociña. Pouco despois, no cuarto de baño, vin que o gato Samuel tamén deixara prenda, non menos indecente que a anterior, coa agravante ademais de que o fixera dentro da bañeira. Finalmente, Buba, que desde que lle dá por atacar a Leda ten que durmir á parte, comeu un cacho da manta do cabalo. De xeito que ese foi o panorama.
Alguén dixo durante o almorzo que os animais se vingan dos amos cando se senten preteridos ou abandonados e que probablemente iso foi o que sentiron na noite de fin de ano. Non digo que non, pois ese mesmo argumento xa o escoitei outras veces. Despois de todo, non resulta difícil de entender que poida ocorrer desa … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Dic 31, 2015 | Marxe
Cando a Virxe de Fátima veu a Ourense, alá polos anos cincuenta, traía con ela unhas pombas brancas que non se movían da súa beira. Creo que xa teño contado como entre o meu primo José Gonzalo e mais eu ocasionamos un grave problema ao facelas fuxir, non recordo por que procedementos. O caso é que as pombas da Virxe acabaron no alto dunha viga, case no teito da igrexa, e negáronse a volver ao seu sitio, aos pés da imaxe. Recorremos a botarlle millo e cachos de pan, pero foi inútil, para a nosa desgraza.
Agora, tantos anos despois daquel episodio, recibo unha carta dun membro da familia propietaria da empresa de automóbiles Purrela, que citei aquí hai uns días. Cóntame a historia daqueles autobuses mixtos que andaban de feira en feira e dos que eu non sabía que tivesen unha historia tan interesante e tan accidentada.
Dos primeiros … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Dic 30, 2015 | Marxe
Un dos fenómenos culturais que máis indignación causou no mundo da cultura profesional (intelectuais, artistas e demais membros desa ilustre confraría de personaxes altamente preocupados pola saúde cultural colectiva) foi o programa de televisión Gran hermano. A causa da indignación non era infundada. Resultaba preocupante que un grupo de persoas normais espertasen tanto interese nunha audiencia fascinada pola banalidade dunhas vidas bastante triviais. Nesa crítica podiamos coincidir moitos. Seriamos menos, en cambio, os que estariamos de acordo en estender o significado do fenómeno a outras áreas culturais aparentemente máis nobres, pero idénticas no fondo.
Refírome, por exemplo, á literatura, por falar só dunha actividade que me cae máis de cerca e que coñezo mellor que outras. Unha boa parte dos premios literarios que se conceden, sobre todo os que dependen de grandes editoriais, baséanse con frecuencia no mesmo mecanismo do tan denostado programa de televisión. Cóllese un libro insignificante, … Seguir leyendo
por amarxedotempo | Dic 29, 2015 | Marxe
Onte, a cadela labradora da casa comeume unha caixa de bombóns que me regalara un amigo. Papouna enteiriña, supoño que co envoltorio incluído porque non apareceron os papeis entre os restos. Xa teño dito algunha outra vez aquí que se trata dun animal lambonciño, capaz de aproveitar unha miga de pan que cae da mesa ou de comer cousas que os cans normalmente non comen: noces, xeados, paquetes de leite, caramelos, mel, aspirinas. Nunha ocasión pillou nun descoido unha botella de aceite e acabou con ela co mesmo entusiasmo que se fose un óso. Non sei de onde lle veñen estas ansias de cadela consumida, porque comer come todos os días.
Claro que come eses piensos que hai agora, perfectamente estudados, coas vitaminas necesarias. Supoño que é a forma máis racional, cómoda e sa de alimentar un can, aínda que dubido que sexa a máis grata para o bicho. Non … Seguir leyendo