La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Libros de normas

Estes días de nadal, aproveitei a tarde do vinte e cinco para revolver entre os papeis na casa de Ourense. Sempre aparece algo: unha fotografía esquecida, unha libreta con pensamentos, unha carta antiga… Nesta ocasión atopei unhas notas de estudo, de finais dos anos cincuenta, tomadas por alguén descoñecido, pois non conseguín identificar a letra, durante unha clase de relixión. O máis interesante non eran os apuntamentos en si, senón os comentarios, con seren aqueles dignos dunha antoloxía da estupidez ou do disparate.

Recollíanse nas citadas follas unhas normas de decencia cristiá redactadas en forma epigramática que se podían resumir nesta máxima: “El verano es el invierno de las almas”. A man anónima da que falo, sospeito que dun primo meu algo golfante, anotou debaixo: “Hace tanto calor que yo tengo el alma completamente sudada”.

Moitos anos antes, na ditadura de Primo de Rivera, houbo outro profesor en Ourense que … Seguir leyendo

Un cacho de pano

A poucos santos lle terei rezado eu con máis fervor que a un cachiño da sotana do padre Claret que se gardaba nun relicario na casa dos meus pais. A miña ignorancia salvoume do pecado naquela ocasión: se entón chego a saber que aquela pequena porción de pano debeu ser testemuña das confesións da raíña dona Isabel, unha golfa simpática e vital, mal casada con don Francisco de Asís, ilustre maricón, probablemente me tería que confesar tamén eu dalgunha faltiña, aínda que soamente fose cometida coa imaxinación.

Ter unha reliquia na casa parecíame unha distinción especial do ceo, algo así como un signo evidente de que un estaba destinado á salvación. Non tanto, non obstante, como a graza que lle correspondía a uns veciños, propietarios soberbios dun anaquiño da oliveira na que estivo apoiado Xesús, cando a oración do horto.

Leo agora que a maior parte das reliquias son falsas. … Seguir leyendo

Costumes

Onte dixen que ía falar do gato Samuel, que polo que vexo cando ando por aí adiante, ten moitísimos amigos en toda Galicia, se xulgo pola xente que me pregunta por el e se interesa pola súa saúde. Pois resulta que na casa, alguén non lle ten demasiada estima, como puiden comprobar o domingo pasado, durante a tertulia familiar do almorzo. Andaba o animal feito un cristo, mollado coma unha ovella, co pelo aplastado contra o corpo, mesmo coma se o levase tratado con brillantina, cando escoitei dicir que Samuel era parvo, entre outras cousas porque, cando chove, lle gusta durmir ao aire libre, debaixo da auga que cae.

Esa foi a primeira acusación que lle fixeron. Despois viñeron algunhas máis, entre outras, que polo visto, aínda que eu nunca me fixara, Samuel dorme de costas, é dicir, panza arriba. Por último, que no tocante aos seus costumes culinarios, cambia … Seguir leyendo

Neto do sacrilexio

Hai uns días, nunha viaxe rápida a Segovia, ida por volta, para participar no que alí chaman as Tertulias dos Martes e que non consiste noutra cousa que dar unha conferencia, o presentador do acto dixo algo que provocou a conmoción do público e que a min me deixou pasmado. Despois de anunciar que a miña vida estaba chea de datos curiosos e raros, o cal xa resul taba preocupante, acabou dicindo que eu era neto dun bispo. A xente, asombrada pola noticia, miroume desde entón como quen mira un animal de circo.

Mentres durou a presentación, que por outra parte estabafeita con agarimo, vivín a experiencia de ser o neto do sacrilexio que acababa de explicar o meu despistado introdutor. Desde as butacas, as miradas dirixíanse a min cargadas de asombro: a maior parte expresaban curiosidade, pero había tamén algunhas un pouco ruíns.

Cando me tocou a vez e … Seguir leyendo

A palma de honor

Vivín un ano case enteiro en Bilbao, nunha época políticamente difícil e dura, cando se celebrou o xuízo de Burgos e secuestraron o cónsul de Alemaña en San Sebastián. Mesmo a noite daquel suceso, antes de que tivese noticias do que acababa de ocorrer, sorprendeume que nunha viaxe en coche de pouco máis de cincuenta quilómetros, a Garda Civil me parase cinco ou seis veces, coas metralletas apuntándome directamente á cabeza e o medo dos rapaciños imberbes que as empuñaban contaxiando tamén o meu corazón.

Nos días que seguiron, unhas manifestacións pequeniñas, simple testemuña simbólica da protesta, saltaban aquí e acolá, vistas e non vistas, o tempo xusto para que a Policía as destrozase. A xente sabía do perigo que corría e polo tanto había poucos individuos valentes. Desde logo, nada que se parecese ás mareas humanas, exaltadas e violentas, que hoxe enchen as rúas nas xornadas de loita.

Ao … Seguir leyendo

Palabras na area

Onte escoiteille dicir a un amigo que a morte non lle producía medo, senón curiosidade, sobre todo porque estaba convencido de que, chegado ese momento, se lle ían aclarar algúns misterios que ata agora nunca puido comprender. Por exemplo, se antes tivo outra vida. Non o dicía de broma ou para facerse o orixinal, senón con perfecta seriedade. El cre que cando nacemos, en realidade só cambiamos de envoltura. A Hitler, sen ir máis lonxe, asígnalle unha existencia previa de can ou de serpe.

Persoalmente, este tipo de crenzas resúltanme respectables cando sei que non obedecen a ningún tipo de trampa, pero confeso a miña incapacidade absoluta para comprendelas ou compartilas. Tampouco me preocupa moito saber se vivín xa antes de nacer e moito menos aínda a forma de vida que puiden levar.

Gústame, en cambio, esa idea de que a morte sirva para aclarar misterios ou enigmas. Se fose … Seguir leyendo