A un poeta catalán a quen coñecemos Celso Emilio Ferreiro e mais eu en Barcelona, alá pola primavera do ano 1975, nun piso do Paseo de San Xohán, estiveron a punto de empapelalo despois da guerra civil porque a alguén se lle ocorreu denuncialo por blasfemo. A causa da denuncia era un poema que empezaba dicindo: “No nome do Pai do Fillo do Espírito Santo”, escrito así, todo seguido, sen comas. O denunciante entendía que, eliminada ou alterada a puntuación, aquel verso pasaba a dicir que había alguén que era pai do fillo do Espírito Santo, o cal supuña unha blasfemia, ademais doutras intencións descoñecidas.
Algo parecido acaba de suceder en Kuwait, onde alguén pasou varios anos estudando a obra de dúas escritoras para encontrar inmoralidades e blasfemias, que apareceron por fin. Grazas a que no mundo, a pesar de todo, hai máis sentido común do que parece, un tribunal acordou que os cargos non eran delito, aínda que poden ser falta.
Naquel país non é delito, non obstante, que as mulleres non poidan conducir un coche ou que non teñan dereito ao voto. A unha amiga miña, casada cun embaixador daquela zona, un día déronlle un vergallazo nunha perna por amosar, ao recoller a roupa para non pisar nela, uns centímetros da parte baixa do nocelo, xusto rente do zapato. O comportamento bárbaro do agresor tampouco é delito. O curioso foi a resposta que lle deron ao home da miña amiga, cando este, ao protestar suavemente, dixo que aquilo era coma se en Madrid alguén lle arrincase o veo pola forza a unha muller islámica. Dixéronlle: “Ten razón, pero é que vostedes son demócratas, pero nós non cremos na democracia”.
Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de decembro de 1999.