Caracas non é unha cidade fermosa, aínda que nisto da beleza dos sitios non se pode falar moi alto: eu teño amigos que a adoran. Quero dicir que non encerra, polo menos para min, o atractivo da Habana, Buenos Aires, Santiago de Chile ou México. Recórdame algunhas cidades do oeste americano, pero en pobre. Ver os célebres ranchitos galgando polos cerros arriba, nunha das aglomeracións urbanísticas máis caóticas que teño visto na miña vida, impresiona, sobre todo se un as contempla desde un hotel de luxo.
Tampouco se entende por que é pobre un país tan rico. Naturalmente, ten que haber responsables deste disparate que consiste en telo todo e non gozar de case nada. Supoño que habería que empezar polos dirixentes, pero non só por eles, por suposto. Carece de sentido que nos hospitais non haxa vendas, por exemplo.
A xente parece agradable e educada e as mulleres, moi guapas. Os homes, en cambio, atópoos feos, máis feos que noutros sitios. Xa sei que son impresións subxectivas, sen valor, pero é a realidade tal como eu a vexo. De momento, non fago máis que observar. Mañá, cambiarei de aires. Quero dicir que teño a primeira conferencia e logo unha mesa redonda con escritores venezolanos para falar da memoria. Os escritores, en xeral, explican ben os seus países, a non ser cando falan de política. Xa contarei.
Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de novembro de 1997.