Aproveitei as horas iniciais do día, cando a xente aínda estaba na cama, para dar o primeiro paseo por Baltimore. O frío era intenso, pero agradable, e polas rúas non se vía demasiado movemento: algúns tipo raros sentados no chan ou revolvendo nas papeleiras, todos eles negros. Diante dun edificio con columnas, unha moza guapa, lixeirísima de roupas, compuña xestos e figuras para un equipo de fotógrafos que a retrataban con destino a algún anuncio. O director de grupo, perfectamente abrigado, procedía con calma.
Sen necesidade de preguntar, orientándome por un pequeno plano que collín no hotel, busquei a tumba de Edgar Allan Poe. Non quedaba lonxe. A pesar da hora, algún madrugara máis ca min, unha profesora da Universidade de Alabama que participaba nestas xornadas literarias e que é especialista na obra do escritor.
Díxome que o día do aniversario, pola mañá aparece sempre sobre a tumba un pequeno ramo de flores, unha botella de coñac e unha copa, esta última con signos evidentes de ser utilizada a noite anterior. Seguindo coa historia, a citada profesora explicoume que a lenda asegura que se trata de alguén que acode a facerlle unha homenaxe a Poe e que bebe alí mesmo esa copa no seu honor. Díxenlle que xa que estamos nun congreso sobre literatura fantástica sería máis apropiado pensar que quen a bebe é o propio escritor.
Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de novembro de 1994.