O outro día estiven en Mondariz, a vila famosa do balneario, para dar unha conferencia. Despois, xuntámonos un grupo de amigos para cearmos xuntos e falar sen présas. Como ao día seguinte non era xornada de traballo, a tertulia prolongouse ata as dúas da mañá, que son, polo menos para min, as horas máis agradables de todas. Na mesa tocoume, dun lado, o alcalde, que está empeñado en facer do seu pequeno concello un lugar ideal, que cada vez se parece máis á Europa tranquila, ecolóxica e intelixente.
Do outro lado, tiña ao pintor Xavier Pousa, que me tirou das orellas. Polo visto, segundo me aclarou, as veces que teño falado aquí dun paisano seu algo prosas, cachazudo e afeccionado á carreira pola conquista do espazo e á política internacional, confundinlle o nome: non era O Carallete, senón o Generoso.
Por certo que me contou outra historia, creo que do último, aínda que despois da aclaración que me fixo, non me atrevo a aseguralo. Resulta que o tal, cando veu a obrigatoriedade de facer o documento de indentidade, meteuse a fotógrafo. Como as fotos do carné tiñan que ser de medio corpo e non dispuña de aparataxe, resolveu o problema metendo os clientes nunha cuba grande de viño. É unha solución, non sei se práctica, pero si orixinal. Hai disparates que debían de estar protexidos, igual que os animais en extinción.
Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de novembr o de 1997.