Os lectores de Vicente Risco coñecen ben unha novela que este escritor deixou sen rematar, na que aparece un grupo de profesores e intelectuais que aprenden a nadar nun garaxe, en seco, imitando os movementos sobre o chan. Cando un día se deciden por fin a probar no río, afondan todos. Vén isto a conto, como se verá, de que estes días, en Boloña, hai miles de editores, escritores, ilustradores e libreiros de todo o mundo, participando na feira do libro infantil máis acreditada, famosa e concorrida de todas cantas se celebran.
Aquí hai de todo, empezando pola xente, incluso musulmáns que ás horas da oración deixan o traballo, fican coa cabeza no chan dos corredores, sobre a moqueta, e póñense a rezar sen que lles importe nin a sorpresa que causan nin o follón que se organiza arredor. Polo que respecta aos libros en si, sucede outro tanto.
Hai libros en forma de peixe ou de tartaruga; libros con motor incorporado; libros que parecen castelos ou catedrais ou cámaras do tesouro; libros caramelo; libros que falan ou pitan ou tocan música; libros que parecen unha esponxa ou unha toalla… Por suposto que tamén hai libros normais. O que non se ve por ningures, incluso teñen prohibida a entrada, son os nenos. Por iso se me acordou a novela de Vicente Risco. É como se nestes garaxes onde se celebra a feira do libro infantil máis grande do mundo, a xente nadase sen auga.
Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de abril de 1998 .