La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado tiven que dar unha conferencia, manter un coloquio tres horas despois cun grupo duns trinta escritores cubanos e participar a continuación nunha mesa redonda. Cando rematei, invitáronme a unha reunión con novelistas e poetas,pero decidín que estaba canso e prefería dar un paseo. De maneira que collín o andante e perdinme polas rúas da Habana  Vella, a parte máis antiga, declarada patrimonio da humanidade. Desde logo, a humanidade debía preocuparse algo máis polas súas cousas.

Aínda se ve ben o que debeu ser esta cidade. A pesar de que moitos dos edificios, dunha fermosura magnífica, están practicamente en ruínas, non resulta difícil imaxinalos no esplendor da súa gloria. Hai grandes palacios, agora convertidos en vivendas de veciños, que manteñen con moito esforzo a súa vella dignidade.

A xente, negros na súa inmensa maioría, vive na porta das casas ou nos balcóns, espidos de medio corpo, sentados en cadeiras e banquetas ou no mesmo chan. Normalmente, están de cháchara entre eles. Son amables e deseguida me identifican como español. Entón fanme preguntas, queren saber se me gusta Cuba e algúns deles ofrécenme puros para comprar. Polo demais, o paseo resulta moi cómodo, pois non hai apenas tráfico. Iso si, cómpre ir atento coas bicicletas, que é o medio de transporte máis usual.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de outubro de 1995.