La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de chegar á praia da Franca, en Asturias, para participar un ano máis no encontro de escritores da Casona de Verines. Despois de once, este rito que se repite cada mes de setembro coa precisión fermosa dun reloxo antigo forma parte xa da vida dun. Este mar, que agora teño ao alcance da man mentres escribo diante da fiestra, é para min un dos símbolos da alegría. Convivín con xente tan agradable neste lugar, pasei tantas horas de conversa gozosa cos amigos, que algún día terei aquí unha das fontes da miña melancolía.

Precisamente, este ano falaremos da literatura da memoria, é dicir, de diarios, autobiografías e outros textos semellantes. Estiven tentado a escribir o meu relatorio en forma de lembranza, facendo a historia destes encontros. Ignoro por que mecanismo interno non controlado, acabei escribindo sobre o Diario de Miguel Torga.

Polo demais, todo está ben: os empregados do hotel, aos que saúdo xa como se fosen da familia; o profesor Víctor García de la Concha, empeñado en que isto siga per in saecula saeculorum; os amigos que empezaron a chegar. Neste momento, escoito as voces nos corredores, algunhas xa perfectamente identificadas. Cando escriba as liñas que me faltan, sairei correndo a dar os primeiros abrazos e a facer os preparativos para esta noite. É dicir, determinar en que sitio montamos a tertulia, nada máis.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de setembro de 1996.