La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un momento, mentres pensaba de que ía escribir, escoitei na televisión, que estaba acendida sen que ninguén se preocupase dela, a un señor moi aparente, de voz engolada e campanuda, que me obrigou a prestarlle atención ao que dicía. Comentando un cadro de Dalí, dixo que un coche que se vía na parte inferior do lenzo representaba un símbolo fálico. O sorprendente non era a bobada en si, senón a seguridade con que estaba dita, sen a menor dúbida, como se o crítico, ou o que fose, se sentise orgulloso de iluminar a audiencia cunha xenialidade. Eu sentinme igual que se alguén entrase na miña casa sen permiso, e pola forza, e me ameazase cunha pistola ao grito de ¡Mans arriba! En boa lóxica, debíalle entregar simbolicamente a miña carteira.

Nese momento acordeime dun ilustre ensaísta, intelixente e brillante, a quen tiven a sorte de coñecer e polo cal sentía e sigo sentindo respecto e admiración, pero que alá polos anos 50 escribiu un magnífico ensaio sobre Rosalía de Castro, no que falaba tamén de símbolos fálicos. O que pasa é que toda a andamiaxe daquel escrito se baseaba nun erro descomunal, pois o ensaísta traducía a palabra galega tea, que significa tela en castelán, por antorcha.

Ignoro se un coche pode ser un símbolo fálico ou non, pero dáme a impresión de que iso se pode dicir dunha barra de pan, dun xeado, dun poste da luz, dunha cámara armada cun obxectivo de 135 milímetros ou da pluma estilográfica que emprego cando escribo a man. Ou de Pinochet, pois un ser humano, e maiormente se se trata dun individuo cruel, ten un aspecto fálico e compórtase de semellante maneira. Agora mesmo, cando escribo, o vento zoa nos cristais e move as árbores con furia, dun xeito agresivo e fálico, como se quixese violarnos a todos. No momento en que remate este artigo, irei á casa dun amigo a tomar café. Irei en coche, por suposto, e espero que non lle pareza mal tanto descaro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de decembro de 2000.