La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí dun estafador que un día me invitou a dar unha conferencia en Alicante e me pagou os billetes de avión cun cheque sen fondos, pero que meses despois me enviou un abrazo por un amigo. Non foi o único personaxe desta especie na miña vida. Hai anos, outro deles, falador e simpático, vendeume de favor, e así mesmo o entendín, un libro que se podía atopar nas librerías por un prezo tres veces inferior a aquel que eu paguei encantado; con tanta arte e graza me meteu o calote aquel senvergonza.

Emprego esta palabra sen rancor, porque desde entón teño tomado café co caribe en varias ocasións. Non consigo que me caia mal, aínda que procuro velarme del, pois resulta moi difícil resistirse ao seu inmenso talento, recoñecido e acreditado con anos de cárcere. A última vez que o vin foi cando a Expo. Baixaba a Sevilla.

Hai anos, segundo me contaron, disfrazado de conde italiano, armou unha bastante gorda no mosteiro da Rábida, onde lles lambeu uns centos de miles de pesetas aos frades a cambio de amañarlles a biblioteca con madeiras nobres, todo por un valor moito máis alto do diñeiro que el percibiu. Naturalmente, a el non lle custou nada. Alguén me dixo hai pouco que o personaxe está retirado, incluso reconvertido a unha vida decente e normal. É posible, pero convén non baixar a garda. En realidade, esta xente nunca se retira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de novembro de 1995.