Estabamos un día vendo a televisión nun bar de Compostela, hai xa trinta anos. Falaba un coñecido personaxe da vida oficial de entón, ignorante ata a fronteira mesma do alfabeto e a gramática, prepotente como todo individuo que confunde a importancia do posto que ocupa coa súa modesta capacidade persoal para ocupalo. Mentres aquel individuo dicía tonterías grandes como casas, un amigo meu, intelixente e desganado, cun vaso na man, soltou unha sentenza: “Hai tipos que debían estar prohibidos”.
Estou seguro de que o meu amigo, que era persoa tranquila e pacífica, mesmo ás veces demasiado indulxente, non quería matar o citado personaxe, nin sequera metelo no cárcere, pero de boa gana se libraría de ter que escoitalo falar pola televisión. Sen dúbida, iso era o que pretendía insinuar coa frase pronunciada.
Efectivamente, hai persoas que debían estar prohibidas. Por exemplo, todos eses tipos que na radio e na televisión se dedican ultimamente a ofender a xente e o decoro de maneira sistemática. Por tratarse dunha fraude, que consiste en ofrecer como liberdade de expresión ou como noticia o que non é máis que a venda dunha mercadoría economicamente moi rendible, podía ter un trato semellante ao que se lle dá á pornografía. A pesar de que esta última ten polo menos a virtude de levar as vergonzas postas ao aire.
Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de outubro de 1993.