La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola tarde, despois dunha longa reunión na Real Academia Galega, fun dar unha volta pola Coruña, sen máis propósito que procurarlle un descanso á cabeza. Percorrín a rúa Real nas dúas direccións, atiborrada de xente, e logo detívenme uns minutos en María Pita, admirando a beleza racional dunha praza que exhibe a súa fermosura sen remilgos. Levaba unha cámara no peto, pero non a saquei, quizais porque tiven a impresión de que, apuntase como apuntase, non acabaría facendo outra cousa que unha postal, e iso xa se fixo miles de veces.

Cando marchaba de novo para a sede da Academia, achegóuseme un mozo con cara de pobre, pediume algo despois de dicirme que estaba de permiso penitenciario, e non lle din nada. O corazón, con frecuencia, endurécese con raciocinios de tipo práctico e perde a capacidade de entender os demais. Irritado, o home miroume con cara de odio e díxome: “Si fuese a cuchillo, sí que me dabas, ¿verdad? ¡Qué poca vergüenza!” Non lle faltaba razón, pero eu xa me tiña comportado mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de outubro de 19.