Aquel réptil que se chamaba Robert Harrison e que alugaba furcias para poder montar reportaxes de escándalo na revista Confidential e facerlle chantaxe a coñecidas figuras de Hollywood, nunha ocasión publicou unhas páxinas repugnantes sobre Grace Kelly, pouco tempo despois de que se anunciase a relación sentimental da actriz co príncipe de Mónaco. O pai da rapaza, un home forte e decidido, presentouse un día nos locais da publicación coa intención de destrozar os mobles e romperlle a cara ao senvergonza.
Desde entón, as noticias sobre os pecados da mociña non deixaron de aparecer na prensa dedicada ao cotilleo. Onte mesmo, os periódicos anunciaban unha nova biografía, esta vez con revelacións sobre os amores outonais da princesa, fascinada na súa madureza, segundo conta, pola beleza de rapaces adolescentes.
Non lle vexo o interese. Parécenme moito máis reveladoras da personalidade de Grace Kelly algunhas cousas que conta Ava Gardner na súa autobiografía, cando rodaron xuntas en África, dirixidas por John Ford e acompañadas no reparto por Clark Gable, a película Mogambo. Polas noites, sentados todos arredor do lume, no momento en que o licor empezaba a circular de man en man en grandes cantidades, a única que non bebía era Grace Kelly. Non lle gustaba que visen como se lle puña o nariz colorado.
Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de setembro de 1994.