La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acaba de morrer en Inglaterra un dos golfos máis grandes de Europa, o periodista Jeffrey Bernard, un auténtico crápula. A pesar de ser diabético, bebeu o que quixo: non menos dunha botella de vodka diaria. Foi un dos últimos actos da súa vida. Pouco antes de morrer, na cama, sen a perna que lle amputaran había uns anos, pediu unha copa e un pito. Faltoulle o terceiro lado do triángulo, que non é difícil de supoñer. Por esa parte, casou catro veces, pero como dicían os seus amigos, tivo moitas mulleres, incluídas as propias.

A súa célebre columna do semanario The Spectator fíxose famosa, en primeiro lugar, polas súas moitas virtudes: era un gran periodista. Non era menos coñecida, non obstante, pola nota de redacción que aparecía frecuentemente cando non se publicaba. Dicía “Jeffrey Bernard está indisposto”. É dicir, que estaba borracho.

Hai uns días aínda, lin unha das súas columnas. Contaba a historia dun rapaz novo e inexperto, fillo dun editor londinense, que bebeu tanto nunha festa dada polo seu pai que fixo unha desgraza polos pantalóns abaixo. Con disimulo, saíu á rúa e dirixiuse a uns almacéns para mercar uns pantalóns novos. A continuación colleu o tren de proximidades, meteuse no lavabo, quitou a prenda destragada e tirouna pola ventá. O malo foi que cando abriu a bolsa do comercio para cambiarse, atopou un xersei. Mañá contarei o resto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de setembro de 1997.