La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte comín invitado por unha señora amiga que ten uns magníficos noventa e catro anos. É unha muller simpática e optimista, alegre e sen achaques, a non ser unha xordeira que a obriga a permanecer moi atenta aos labios dos demais para seguir a conversación, que non quere perder por nada do mundo. Anda perfectamente, vai á misa ela soa, sen carabina, e vive como se tivese vinte anos menos.  Come de todo, con bo apetito, bebe o seu viño e, chegado o caso, raramente di que non a unha copiña de licor café.

Estaba tamén na comida o seu xenro, que na primavera pasada cumpriu oitenta e seis anos. Tampouco se pode queixar, aínda que se queixa, sempre cun fondo de coquetería elegante que non lle cae mal. Polo demais, come ben, dorme ben e vive ben. Nunha cousa leva razón: ten as pernas frouxas. Consecuencias da vagancia.

O xantar resultou moi grato, con conversa animada, recordos divertidos e bromas simpáticas. Houbo un momento en que sogra e xenro falaron de pasada das súas respectivas dificultades: ela, da xordeira; el, das pernas; ela, sen apenas queixarse; el, algo máis choromicas. A señora sentiuse obrigada a dicirlle ao seu fillo político que o atopaba moi ben, coa cabeza impecable e cunha saúde cargada de razóns. A resposta chegoulle rápida, como unha proposición interesada: cambiarlle unha perna por un oído.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de setembro de 1996.