La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe pola tarde, a iso das oito, chegarei a Lisboa para coller o Expreso da Literatura, ese tren que nos vai levar a cen escritores de corenta países ata San Petersburgo e Moscova, para rematar finalmente en Berlín o 14 de xullo. En realidade, o expreso non sae ata o próximo día 7, ás oito da mañá, rumbo a Madrid, pero antes temos que participar nunha serie de actos na capital portuguesa: recepcións, mesas redondas e lecturas, é dicir, o mesmo que faremos nas dezanove cidades onde teremos que parar, a razón de dous ou tres días en cada unha, excepto Wolfsburg e Brest, nas que só permaneceremos unhas horas.

Os amigos chaman para despedirse, a maior parte deles con alegría, outros, máis ben poucos, con algo de tristeza melancólica. Cos primeiros fago bromas e aos segundos dígolles que non marcho para América, que era o que se dicía hai anos, cando alguén emprendía unha viaxe pequena e provocaba lágrimas nos máis morriñosos e pesimistas.

Eu, para estas cousas, son bastante despegado e síntome ben en calquera parte do mundo, con tal de que ande en agradable compañía. Loxicamente, nunha viaxe tan longa, iso está asegurado. O lado máis fatigante será, sen dúbida, manter conversas e facer tertulias noutras linguas, con colegas de lugares e culturas tan diversas, o cal nos obrigará, quizais coas excepcións de ingleses e franceses, a falar en idiomas que non son os propios de case ninguén. Cansazos á parte, iso nunca ben mal, primeiro porque obriga a traballar a cabeza e segundo porque sempre se aprende algo novo a base de meter a pata. Xa irei contando aquí as aventuras de cada día. Sen pasarme.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xuño de 2000.