La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días de vacacións, o raio fixo algunhas falcatruadas por aquí abaixo, aínda que ningunha importante, por fortuna. A min pegoume un susto o venres pola noite, cando estaba eu só na casa, lendo unha biografía de Lorenzo de Medici. Nun momento escoitei como un trallazo dentro do salón e case simultaneamente foise a luz, ao tempo que o ceo retumbaba xusto por riba de min. Non había ningunha dúbida de que se trataba da tormenta que naqueles instantes caía con furia sobre o val, un diluvio de auga que parecía romper as tellas e unha luminaria de alustres seguidos, uns atrás dos outros, que entraban polas ventás como se fosen a lingua do demo.

Cando quedei sen luz, achegueime ás atoutiñas para restablecer as cousas no cadro de mandos, que supuxen que acababan de saltar. Como non cómpre saber nada de electricidade para resolver estas avarías elementais, en poucos segundos as lámpadas iluminaban de novo o interior da casa e todo volvía ser como antes. Todo, menos a televisión e o teléfono, que deixaran de funcionar.

De maneira que pasei tres días sen ver a televisión e sen chamar por teléfono nin ser chamado. Supoño que se esa situación se prolongase máis, acabaría sendo incómoda e perturbadora, especialmente polo que respecta ás comunicacións telefónicas, pero durante unha fin de semana, confeso que me pareceu fantástica. Polo tanto, nesta ocasión o raio foi beneficioso. Polo menos, eu quedeille agradecido pola paz que me regalou durante estes tres días de tranquilidade. Aínda que se un o pensa ben, non ten moito sentido terlle que agradecer a un raio o que pode facer un mesmo sen esforzo e máis barato: desenchufar o teléfono e a televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de abril de 1998.