No artigo de onte falei do valor das cousas, que moitas veces non se corresponde co seu valor real. A propósito disto, acórdome hoxe dun personaxe do que xa teño falado aquí outras veces, o doutor Fausto Martínez Biel, de Xinzo de Limia, irmán de Parsifal e Lohengrin, e de Pepita, que foi un señor interesante, aínda que con fama de tolo, algo excéntrico, con quen eu falaba sempre de boa gana. Chegamos a ser amigos, a pesar da diferenza de idade. Tiña un título falso de marqués, expedido por un garda municipal de Reus que presumía de ser descendente dos Trastámara. Na foto do diploma, o garda parecía un mariscal.
Daquela, Fausto era o único dentista que había na vila, ata que un ruso, amigo do meu pai, abriu consulta. Aquilo foi suficiente para que se enemistase cos da miña casa, con tan mala sorte que a única dor de moas que tiven na vida cadroume unha noite na que a única solución era o extravagante. Foi a miña nai comigo. Estivo exquisito.
Era un home elegante, con portes de gran cabaleiro e aqueles que non o coñecían ben non sabían que detrás do chalado que aparentaba ser había un home intelixente e bondadoso, moi amigo de facer favores. Con frecuencia, desconcertaba a todo o mundo coas súas rarezas, como lle sucedeu cunha prima miña, que tivo que acudir a el unha madrugada para que lle cortase unha hemorraxia. A pesar da hora, atendeuna con amabilidade, pero ao rematar díxolle que lle debía un millón de pesetas. Despois de discutir uns minutos, reclamándolle a miña prima seriedade, el respondeulle: “Débesme un millón de pesetas porque me interrompeches un soño que valía ese diñeiro. Pero non che vou cobrar nada”.
Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de marzo de 2000.
Muy entretenido tus artículos
Me gusta, buen trabajo
Soy el hijo de Lohengrin.Mi padre se fue a Estepa (Sevilla) y después de casarse con mi madre maestra,,se fueron a Tetuán (Marruecos) ,entonces Protectorado Español,como Maestros Nacionales.Me ha gustado el artículo ,aunque mi padre nunca me comentó nada sobre el marquesado de mi tío.Termino comunicándote que por expreso deseo de mi padre ,una de mis hermanas nació en Xinzo de Limia.
Saludos cordiales.
Enrique
Moitas grazas polo comentario e a información que nos dás, Enrique. Un cordial saúdo.
Gracias por leerme. Me gustaría saber más de la familia Martínez Biel.