Na miña vida coñecín dous ou tres torturadores recoñecidos, entre outras razóns porque torturaron a amigos meus. Eu víaos facendo unha vida normal, tomando tazas nos bares, paseando polas rúas cos familiares e amigos, rindo como a xente común. Nada os distinguía das persoas decentes. Non obstante, cando actuaban na escuridade impune das súas trastendas eran unhas perfectas alimañas, uns seres dotados dunha capacidade infinita para humillar no seu corpo a outros seres humanos.
Son dunha raza sen sorpresas, igualiños uns aos outros en calquera parte do mundo. Os chilenos acaban de descubrir que un dos máis cualificados entre os expertos da dolor que actuaron sen piedade baixo o réxime de Pinochet, vive clandestino no Brasil. Foi tanto o mal que causou durante os peores anos da ditadura que todo o mundo está de acordo en reclamalo para que responda dos seus crimes.
A biografía do personaxe, que refiren os periódicos, non aporta nada novo á caracterización da especie. Utilizou todos os métodos coñecidos, nada difíciles de imaxinar, por outra parte. ¡É tan doado saber onde máis lle doe a unha persoa cando unha dispón dela impunemente para facela sufrir! Hai, non obstante, na noticia un dato que resulta redundante e que era innecesario que os periodistas nolo transmitisen. Parece ser que o susodito se compracía en barbaries sexuais coas mulleres. Naturalmente.
Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de agosto de 1992.