La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Mentres tomo café cuns amigos nun club social das aforas de Ourense, por unha enorme ventá contemplo distraído o partido de tenis que están disputando un home e unha muller nas instalacións deportivas da sociedade, dez ou doce metros máis abaixo, nun campo cuberto e sen público. A miña memoria, fixada estes días de maneira involuntaria nos días lonxanos e felices da nenez, mantenme á marxe da conversa, cos ollos enredados nos movementos rápidos e nerviosos das dúas persoas que están xogando.

Durante bastante tempo, ese ir e vir electrizado dos xogadores dun lado para outro ao longo da pista faime ben. Ao decatarme, non podo evitar o recordo dunhas palabras da miña nai, que me contou moitas veces que para manterme tranquilo cando era neno, non tiña máis que colgarme unha verza na carapucha do berce.

Non obstante, pouco a pouco, o movemento dos tenistas empeza a poñerme nervioso. Observo que alí abaixo non hai un xogo, ese pracer sereno de pasar o tempo dun xeito agradable e intranscendente, senón unha competición soterrada e violenta, sobre todo por parte do home. Cada pelota que lanza contra a súa compañeira leva o veleno oculto dun espírito que necesita gañar como se a vida lle fose niso. Entón tomo partido pola muller e cada vez que fai un punto ríome polo baixo. Confeso que o pasei bastante ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de marzo de 1994.