La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe escribo desde Zürich. O frío é de órdago, de maneira que hai que saír á rúa acoirazado, con gorro, luvas para as mans, bufanda e roupa adecuada. Formamos un grupo amplo de amigos que imos xuntos a todas partes, medio disfrazados polas esixencias do clima. Ata os máis clásicos nisto de vestir se atreveron a mercar gorriños de la, de colores ousadas. Non hai como estar lonxe da casa e do medio no que un se move habitualmente para rachar con moldes e rutinas. Aínda así hai quen prefire andar a pelo, pero poucos.

O frío é unha das moitas cousas que nos distancia de Europa, non sempre para ben. Os países mellor organizados do mundo, en xeral, son países nos que a temperatura baixa moitísimo no inverno. Sucede aquí en Suíza, igual que ocorre en Suecia, Dinamarca, Alemaña e practicamente na parte máis próspera do continente.

Onde vai calor, en cambio, a renda é máis baixa: España, Portugal, Grecia e a Italia do sur. Supoño que o frío obrigou a uns países que en principio non son ricos a organizarse ben para non desaparecer: ter as casas quentes, poder circular polas estradas a pesar da neve, dispoñer de diñeiro para mercar roupa de abrigo, comer ben… As dificultades, cando son enormes, ou matan ou afortalan. Polo contrario se son do tipo nin fu nin fa, xa se sabe, escorréntanse con humor e estoicismo. De todos os xeitos, vai demasiado frío.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de decembro de 1997.