La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de anos escribín aquí a historia dun toliño norteamericano, membro dunha asociación en defensa da vida, que entrou nunha clínica na que se practicaban abortos legais e matou a tiros a un dos médicos. Cando se celebrou o xuízo, un grupo de persoas contrarias ás ideas do avariado da cabeza manifestáronse polas rúas con pancartas nas que pedían que o condenasen á pena de morte. Por sorte para el e para todos, incluídos os que reclamaban a cadeira eléctrica, o tribunal ditou unha sentenza de cárcere.

Agora, os periódicos acaban de publicar a noticia de que o home se suicidou. É dicir, que preocupado por defender a vida, ao final non fixo outra cousa que atentar contra ela. Primeiro, dando morte a un médico e despois matándose a si mesmo. Non sei cal sería a reacción íntima dos que hai dous anos reclamaban para el a pena capital.

Cando eu estaba na universidade había rapaces que soñaban con facer a guerrilla, é dicir, botarse ao monte para organizar a revolución e salvar a Humanidade. Case todos eran ao mesmo tempo contrarios á pena de morte, excluíndo, naturalmente, a imperialistas, capitalistas, militares, policías, intelectuais renegados,  políticos de dereitas, explotadores… Era un amor para matar. Por fortuna, dos que eu coñecín, ningún pasou a maiores, pero os cafés de Santiago, naquela época, estaban cheos de cadáveres.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de decembro de 1996.