La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte vin un grupiño de mozos xogando cun can na Alameda de Vigo. O xogo consistía en facerlle trasnadas ao animal, enrabexándoo ata conseguir que ladrase, pois tiña un ladrido parvo, como de pito, que resultaba moi ridículo. Non entendo de ladridos, pero pareceume que eran de fastío máis que de indignación ou de rabia. Postos en lingua humana, debían de significar algo así como o seguinte: “Deixádeme en paz dunha vez, que non me gusta que me tratedes desta maneira”. Iso foi o que eu entendín.

Cada un dos rapaces facía esforzos de imaxinación para inventar algo novo que o convertese no centro do escenario, en clara disputa co can. O de máis éxito foi un rapazote de aspecto tímido e pel de fariña que quitou as lentes, dun grosor escandaloso, para poñerllos ao bicho. Sen dúbida, foi o gañador.

Sucedeu, non obstante, que despois duns minutos de festa, cando o animal xa se desprendera das lentes, un dos mozotes colleunas para entregarllas ao seu dono, pero nese instante debeu ter un trasacordo porque llas llanzou polo aire a outro compañeiro e empezou así unha rolda de burlas que durou tempo dabondo para que a vítima se irritase e acabase dando berros. Por suposto, non se parecían nada aos que antes dera o can, en primeiro lugar porque non eran tan agudos, pero ademais porque dicía uns pecados espantosos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de novembro de 1996.