La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como o señor Pérez en España, en Suecia, o sueco medio chámase Svenson. Adoita ser un individuo alto e loiro, de ollos azuis, educado e pacífico, seguro das súas opinións e dos seus dereitos, responsable e honrado, razoablemente feliz. De cando en vez, sempre dentro da lei, Svenson dálle á botella, especialmente os venres, se pode ser cos amigos, despois do cal regresa á casa en taxi para evitar problemas coa Policía. Aínda bebido, nunca perde a educación, por máis que lle dea sempre por falar inglés.

Segundo unha enquisa que acaban de publicar os periódicos, Svenson non quere entrar na Comunidade Europea. Teme que iso que os políticos chaman homologación lle faga perder algunhas das conquistas que converteron o seu país nun escalón intermedio entre a terra e o ceo. Svenson quere seguir onde está, acochadiño preto da gloria, vendo como alá abaixo os demais aínda pelexan por subir.

Na opinión dos políticos que o representan, Svenson carece de razón: para aproximarse aínda un pouco máis á gloria, agora hai que baixar algúns banzos. Subir baixando é un concepto que desafía a solidez lóxica con que Svenson entendeu sempre o mundo, por iso di que non. Os políticos, en cambio, acostumados a que os números dean ás veces resultados delirantes, pensan que as cousas non sempre son o que parecen. O difícil consiste en poñer de acordo o sentido común de Svenson coa lóxica louca dos expertos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de novembro de 1992.