Cando eu era neno e ía á escola, o mestre falábanos con frecuencia a importancia que tiña coñecer ben o sistema métrico decimal. Para ilustrarnos cun exemplo, falábanos dun albanel da vila, personaxe bastante popular e querido polos veciños, que ignoraba todo canto se refería a números, contas e medidas, o cal lle tiña impedido progresar no seu oficio. Desde entón, cada vez que eu atopaba a aquel señor, miraba para el con curiosidade: era o home que non sabía o sistema métrico decimal.
A verdade, non sei como se arranxaba, pero levantaba os muros ben dereitos, acertaba á hora de facer unha porta ou unha ventá e puña os alicatados de cociñas e baños ao milímetro. Supoño que inventaría un sistema propio, igual que se fose o primeiro home sobre a terra. Entre os ignorantes hai xente moi lista.
Digo isto porque onte tiven que facer de carpinteiro na casa. Non era nada importante, só cousa de enredar un pouco, pero descubrín o difícil que resulta medir ben unha madeira, sobre todo cando hai que contar en milímetros. A min, polo menos, unha vez saíame unha cantidade e pouco despois outra diferente, aínda tratándose nos dous casos da mesma medida. Busquei as causas e ás veces parecía culpa do lapis ou do metro ou da vista. Logo cheguei á conclusión de que entre a xente culta, hai tamén moita ignorancia.
Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de outubro de 1997.