La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No xantar con periodistas que convocamos onte para dar a coñecer o fallo dos premios do Pen Clube, unha vez resolto o asunto que nos xuntaba arredor da mesa, falamos de moitas cousas. Un dos asistentes, Paulino Novo, díxonos que rematou recentemente un estudo sobre cen insultos, entre os cales hai un que sacou desta columna e que eu pensei que era de uso xeral en toda Galicia, pero que debe ser da miña terra. Refírome a “larafuzas”, que alá pola Limia se emprega para referirse cariñosamente aos rapaces sucios.

Polo que escoitei, neste capítulo da lingua, o enxeño brilla case sempre con luz poderosa, o cal non constitúe ningunha sorpresa, pois adoita ser así cando un utiliza a intelixencia contra os demais. Particularmente maligno e afiado pareceume un insulto que citou Blanco Campaña, escoitado en Camariñas: “Non me sexas ti”.

Houbo un momento en que alguén falou tamén da capacidade que teñen algunhas persoas para estes ditos brillantes e agudos. Todos coñecemos ducias deles, empezando polos de Benavente e rematando polos de Eduardo Blanco Amor. Eu non sabía, non obstante, un de Julio Camba que citou Diego Bernal. Un día, o escritor enviou ao periódico un artigo longo, cousa rara nel. Para explicarse, acompañouno cunha nota de desculpa dirixida ao director na que lle dicía que non tivera tempo suficiente para facelo máis breve.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8  de outubro de 1996.