La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo moi ben o día que escoitei por primeira vez o episodio do sacrificio de Abraham. Oínlllo a un cura pequeno e simpático que contaba con arte toda clase de historias. Estiven coa boca aberta, pendente do final, sentindo un odio profundo contra aquel pai que lle mentía ao seu fillo, que o obrigaba a cargar cun feixe de leña ata o alto do monte, onde, despois de atalo, o colocaba no altar do sacrificio e lle puña un coitelo no pescozo para degolalo. A voz do anxo dicíndolle que non matase o neno, xa non me serviu de nada.

Quero dicir que Abraham non forma parte dos personaxes que me inspiran simpatía. Sobre o famoso monte Moria, escenario deste coñecido episodio da Biblia, érguese hoxe un dos edificios máis fermosos de Xerusalén, a chamada Cúpula da Roca. Na esplanada que hai diante terá lugar o Xuízo Final, segundo os musulmáns.

Por debaixo desa esplanada transcorre o túnel da discordia, que estes días pasados costou tantos mortos. Os pantalóns cheos de sangue dos palestinos, así como as camisas furadas polas balas, irán parar con toda seguridade ao Museo do Islam, que queda a uns metros de alí, onde se gardan os recordos dos mártires. Os xudeus tamén teñen os seus lugares sagrados, como o muro diante do cal choran aínda hoxe polo templo derrubado. É unha pena que en todo Xerusalén non haxa un monumento dedicado ao candor do neno Isaac.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2  de outubro de 1996.