La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando estiven en San Petersburgo, que daquela se chamaba Leningrado, fixen algunhas cousas que non me resulta doado esquecer. A primeira, subir polas escaleiras de Raskolnikov, o heroe de Crime e castigo, unha das máis célebres novelas de Dostoiesvki. A segunda, vivir no mesmo hotel onde se hospedara Isadora Duncan. E a terceira, contemplar a magnífica colección de cadros de Matisse que se garda no museo L’Ermitage. Son tres accións que poden encher por si mesmas o sentido dunha viaxe.

De Matisse, un pintor alegre e claro, que foxe de calquera dramatismo, xa vira bastantes pinturas en París e Estocolmo, especialmente ese cadro famoso no que se contempla unha muller vestida cunha deslumbrante blusa rumana, tan fermosa que é capaz de quedarnos impresa na retina durante anos.  Pero nunca vira nada parecido ao cadro que representa a familia do pintor no ano 1912.

Era unha das xoias do museo ruso. Agora, xunto con outras moitas, estará en Nova York na  exposición de Matisse que se vai celebrar no Museo de Arte Moderno, un acontecemento cultural que xustificaría unha viaxe para asitir a el. Ata é posible que se exhiba na mostra a que debe de ser unha das obras mestras do pintor francés. Refírome a ese cadro, hoxe en mans privadas, que representa unha dama vestida de azul sentada nun sillón vermello. Debe ser, sen dúbida, o sillón vermello máis fermoso do mundo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de  setembro de 1992 .