La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe pola mañá, mentres ía andando pola rúa, escoitei unha blasfemia que me sorprendeu. O asombro non mo causou a rareza do feito, senón a singularidade do dito, pois o bárbaro que tan brutalmente esbardallaba contra Deus non empregou unha desas expresións habituais que todos coñecemos e que, de tan oídas, xa non nos chaman a atención. O que dixo tiña toda a aparencia de ser creación orixinal e mesmo me atrevería a dicir que non carecía de graza se non fose porque o blasfemo parecía moi consciente do seu enxeño.

Cando eu era neno, na miña vila aos blasfemos metíanos no cárcere. Ao principio, os rapaces iamos velos a través das reixas, convencidos de que tiñan que ser xente rara, incluso marcados por algún distintivo anatómico especial. Eu deixei de ir presenciar o espectáculo cando me decatei de que eran xente como os demais, a non ser un tipo gordo que dicía tales barbaridades que eu pensei que era o demo.

Contra aquel individuo predicou un día o cura na misa, pois o escándalo que armaba cos seus pecados tiña aterrorizadas as veciñas da rúa, que se pasaban o día persignándose. De cando en vez entraba o Fasquelo cunha tralla a darlle unha somanta, pero nin así facía bo del. Se digo a verdade, eu non entendía por que non o mataban. Agora, co tempo, supoño que o que a Deus lle debía preocupar eran os meus sentimentos, non as barbaridades que dicía aquel tipo. Coa blasfemia de hoxe, seguro que Deus tamén se riu.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xuño de 1993.