Alá polo principio dos anos setenta, cando eu andaba metido no transo de facer unha tese de doutoramento, un día acudín a ver o profesor encargado de dirixila para comentar con el algúns aspectos relacionados co meu traballo. Desde o principio tiven a impresión de que non me escoitaba, como se estivese preocupado por algún problema de tipo persoal. Rematada a miña exposición, que ía destinada a aclarar e discutir conclusións das que non me sentía moi seguro, aínda pasou bastante tempo antes de que me dirixise a palabra.
A miña sorpresa foi grande cando me preguntou se sabía andar en bicicleta. Desconcertado pola pregunta, díxenlle que si, agardando que me aclarase o misterio daquela curiosidade. Sen cambiar o xesto severo que nel era habitual, confesoume que non aprendera de neno, pero que estaba disposto a facelo de vello.
Era un home xa maior, aparentemente pouco dotado para esas habilidades. Por un momento pasoume pola cabeza a imaxe solemne do meu profesor pegando zoupadas polas aforas de Santiago. Entón recomendeille que quizais fora mellor que aprendese a andar en coche, pero respondeume que a bicicleta lle resultaba máis atractiva e moderna. Estiven de acordo con el. As autoridades chinesas de hoxe, non obstante, queren cambiar as bicicletas por coches para arreglar o caos de circulación. Seguro que será un atraso.
Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de abril de 1995.