As edicións Raíña Lupa, que dirixe Rocío Santa Cruz en París, acaban de sacar unha rareza bibliográfica, en edición de cen exemplares, sobre La Bella Otero. Esta muller nacida en Valga ocupou parte das nosas conversas destes días, pois o periodista galego Ramón Chao, presente nas tertulias, coñeceu a Carolina Otero en Niza, cando ela pasaba dos noventa anos. Daquela xa non ocultaba a súa condición de galega e tampouco tiña interese en manter a mentira, que defendeu sempre, de ser filla dunha xitana andaluza e dun militar grego. Cando Chao a visitou, vivía na pobreza, aínda que conservaba boa parte das xoias que recibira dos moitos homes, reis e emperadores incluídos, que perderon a cabeza por ela.
Polo visto, segundo se puido comprobar despois de morta, as xoias eran falsas, o cal non fala nada ben dos amantes que llas regalaron nin da perspicacia da propia Carolina, incapaz de distinguir un cacho de cristal dun diamante. Se cremos a Ramón Chao, na lista de amantes da moza de Valga estaban tipos como Joseph Kennedy, o pai da dinastía que el mesmo inaugurou, o rei Leopoldo II de Bélxica ou o mariscal Pétain. Todos uns tramposos.
Non se podería incluír en cambio na lista dos que a engañaron con bixutería a un dos fundadores doutra famosa dinastía americana, os Vanderbilt, que lle regalou un iate impoñente, que a Otero perdeu na ruleta e que o seu amigo mercou de novo para regalarllo por segunda vez. Tampouco entraría na lista dos aproveitados aquel millonario que se suicidou diante dela e que morreu cun broche de brillantes auténticos na man. Eran os días de gloria de Carolina, cando reinaba nos salóns do Hotel Negresco de Niza. O mesmo hotel que acolle estes días os xefes de goberno europeos. Seguro que ningún deles sabe que as cúpulas en forma de peito que os acubillan foron construídas como homenaxe a aquela muller. Para min é como se o futuro de Europa se decidise desde Valga.
Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de decembro de 2000.