O outro día citei aquí unha frase dun panadeiro da miña vila, que por certo ten un nome popular moi divertido, Bicaquente, o cal dicía, para referirse aos anos da posguerra, que era cando ata as formigas pasaban fame. Non se trata de ningún dito popular, senón dunha experiencia persoal, pois el mesmo se decatou daquela de que nos fornos e nas panaderías se varrían as farangullas do chan porque se aproveitaban para comer e iso facía que as formigas andasen como tolas buscando o que non podían atopar.
Un amigo avogado contoume onte unha historia profesional relacionada tamén con aqueles anos de miseria. Moitas persoas, sobre todo entre a xente nova, seguramente ignoran que naqueles tempos había xente que roubaba comida. Os xulgados están cheos de expedientes por chourizos, patacas, touciño, fabas…
O caso foi que un señor que roubara un saco de patacas acabou diante dos tribunais. Era pai de familia e non tiña que darlle de comer aos fillos. Asistiu á vista como se aquilo non tivese que ver con el. Cando o presidente da sala lle preguntou se quería manifestar algo, tomou a palabra para ponderar o traballo do avogado defensor e do fiscal, e non encontrou mellor maneira de eloxialos que dicir que os dous falaran moi ben. Pero engadiu unha frase chea de sabedoría: “Estes señores falan moi ben, pero falan de fartos”.
Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de novembro de 1997.