La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O meu avó Herminio, do que falei onte aquí, nunca sentiu moita simpatía polos cregos, a pesar de ser un home conservador, militante do partido de Gil Robles e enimigo a morte dos agrarios. No fondo, nesas cuestións, actuaba como un auténtico volteriano. Por iso lle gustaba tanto contar historias deles, como a que mencionei onte aquí, sobre aquel cura que chocaba os ovos como se fose unha pita. A miña avoa, que en cambio era devota de case todos os santos e moi respectuosa co clero, negaba que fosen certas as cousas que contaba o seu home. En relación co caso ese do cregogaliña, un día díxolle: “Iso foron faladurías que lle inventastes ti e mais o Leonardo, só porque el estaba a favor dos agrarios”.

Penso, sen embargo, que o de menos era que os cregos fosen da súa corda política ou da contraria, porque eu mesmo lle oín referir con verdadeiro gozo maligno como sangraba pola cabeza o cura de Cobelas, alcanzado por unha pedra cando volvían xuntos de Santiago en coche, despois de participar nun mitin de Gil Robles, ao seren acantazados no camiño por un grupo de extremistas. Rindo polo baixo, o meu avó dicía con sorna: “No seu caso, non había perigo. Aos curas, as hemorraxias pásanlles cunha avemaría”. Branco das súas burlas foi durante anos un cura pequeniño, anano, a quen aínda coñecín eu, do que aseguraba que dicía a misa subido nun caixón. Ao meu avó facíalle graza que un home tan minúsculo andase nun cabalo grande e que fose tan serio no alto, con cara de marqués. Sendo eu neno, vinos xuntos, falando na Praza Maior, e achegueime a eles. Nada máis verme, o avó díxolle ao cura: “Aquí ten o meu neto, que quere ser do oficio de vostede. Dígalle que se vaia despedindo das mozas”. O curiña baixou a vista e dixo en castelán: “Las mujeres más guapas están en el cielo”. Quero crer que no Paraíso, onde estará agora, aquel crego pequeniño terá unha moza alta e guapa. Para envexa do meu avó.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de novembro de 2000.