La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días escoiteille dicir na radio a unha actriz coñecida que o mellor regalo que lle podían facer polo Nadal era que, precisamente, non houbese Nadal. Díxoo con naturalidade, sen afectación de ningún tipo, e non me pareceu que quixese chamar a atención nin expresar un sentimento radical. No mesmo programa, un profesor de literatura soltou unha parvada sublime: que el lle pediría a Deus que todo o mundo lese máis. Supoño que Deus non se meterá nestas cousas intranscendentes. Por outra parte, a aqueles aos que lles gusta ler, xa len, e aos que non lles gusta, por que terían que ler? Que cada un administre os seus gustos como queira.

Os lectores de Truman Capote, por exemplo, coñecen ben un dos seus libros máis intelixentes, Música para camaleóns. Nel, ademais da mítica entrevista con Marilyn Monroe, tantas veces citada, figura unha reportaxe excelente, na que o escritor relata as horas que pasou coa súa criada, Mary Sánchez, mentres esta ía limpando casas por Nova York. Nese relato tamén se fala dun regalo de Nadal. Cóntao a citada Mary. Falando dos seus fillos, di que un deles, que desaparecera sen deixar recado, un día chamou por teléfono.

Cando a nai lle deu a noticia da morte do pai, o rapaz respondeu: “Ese é o mellor regalo que me podías facer polo Nadal”. A muller colgou indignada e logo explicoulle a Capote que o seu  home fora un borracho, putañeiro, mal pai e violento, e que un día aparecera morto nun banco de Central Park. Pero que un fillo dixese unha frase como aquela, non lle parecía xusto. Entre outras cousas porque o seu home tamén tiña cualidades. Por exemplo, bailaba divinamente. E ela prefería acordarse dos bailes e non das palizas que lle daba.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xaneiro de 1999.