La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte estiven en Ferrol para dar unha conferencia na Facultade de Humanidades. Logo, un grupo de profesores, entre eles o decano,  invitáronme a ver o campus e a visitar a biblioteca e os edificios que compoñen o complexo universitario ferrolán. Por último, a iso das dúas da tarde, aproveitando a fermosura do día e o bo tempo, fomos andando ata un restaurante do centro da cidade para comermos xuntos. Se agora mesmo tivese que dicir en que consistiu o xantar, tería que pensar un pouco. Acórdome, en cambio, palabra por palabra, de todo canto falamos.

Falamos incluso do tempo. Cando alguén afirmou que na Galicia do sur había un clima mediterráneo, unha das comensais puxo cara de escepticismo e eu pregunteille por que non estaba de acordo. Dixo que era valenciana e falou da dureza dos invernos en Galicia, sobre todo en Santiago, onde residiu. Un día viu a tanta xente paseando pola rúa que preguntou se había festa. Dixéronlle: “Non, é que saíu o sol”. Celebrar cousas así é un homenaxe que só se agradece no ceo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de outubro de 2000.