La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa anos, un amigo meu asistía con tristeza e impotencia ao derrumbe dramático dun matrimonio por el moi querido. Tratábase de dous compañeiros que non se entendían e que pouco a pouco ían agrandando as pequenas áreas de convivencia diaria ata convertilas nos enormes penedos dunha relación imposible. Os reproches saltaban por calquera cousa, desde un simple ruído doméstico que medraba e medraba para acabar estoupando como unha bomba unsifrible no ouvido do home, ata un vestido alegre e coloreado, inocente, que se transformaba no símbolo da pouca gracia e o mal gusto dunha muller sen gusto.

Nas confidencias que o casado arreèntido lle facía a diario ao seu amigo, había unha que se repetía. Podía soportar algunhas cousas desagradables facendo un esforzo e pensando nos nenos, pero o que nunca cegaría a disimular, sen embargo, era a falta de hixiene, e o desinterés absoluto polas cousas da casa que caracterizaban a aquela muller. Contra esa acusación batían as chamadas á comprensión e á concordia que prodigaba o amigo.

Un día, este último foi invitado a tomar café á casa do matrimonio, o que nun principio atribuíu venturosamente a unha tregua na trifulca diaria, que por outra parte xa tiña detectado a través das conversas co seu confidente. No momento en que colleu a taza para levala á boca, descubriu aterrorizado unha mosca grande flotando no café. Durante algúns segundos pasoulle pola cabeza recollela coa culler e tirala, pero decatouse de seguida do mal irreparable que  ía causar. Home xeneroso e responsable, amigo dos amigos e valente de corpo e alma, pechou os ollos e fixo oque tiña que facer. Aquela mullernunca saberá que daquela mosca dependeu un día dramaticamente o seu matrimonio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de marzo de 1991.