Neste mesmo periódico, nas páxinas de cultura, contaban onte que o meu admirado Josep Pla, segundo unhas cartas que se acaban de publicar, preparou un atentado contra o rei Afonso XIII alá polo ano 1924. Non digo que non, pero era o que lle faltaba a aquel vello gaiteiro. Nesa época, de todos os xeitos, andaba el moi preocupado por deslumbrar a Adi Enberg, a rapaza sueca que o trouxo tolo durante media vida. Non me estrañaría, xa que logo, que por esa razón se metese, sempre coa boca pequena, nalgunha aventura novelesca e disparatada, con tal de presentarse como un tipo duro diante daquela moza elegante, loira e cosmopolita.
O que si foi certo é outro suceso, tamén relacionado con Afonso XIII, cando o rei de España visitou Suecia uns anos despois. Pla estaba daquela en Estocolmo e era amigo dun dos tipos máis delirantes que ten dado o periodismo español, Sadurní Ximénez, un individuo estrafalario, que fora espía abisinio e ruso, ademais de soldado otomano.
Antes da chegada do rei, presentouse Ximénez en Estocolmo, que viña de escalar o Olimpo en Grecia cuns estudantes, e o servizo secreto sueco temeu un atentado, a pesar de que o periodista tiña xa máis de setenta anos. Un axente, amigo de Pla, encomendoulle a este que vixiase a Ximénez e que non o perdese de vista. Para evitar ter que andar detrás del polas rúas, con tanto frío, o escritor catalán organizoulle unha conferencia nunha biblioteca infantil, con calefacción. Ximénez falou en español e os pequenos non entenderon nada. Finalmente déronlle caramelos a cada un e marcharon contentos para a casa. O que non sei e se lle deron tamén caramelos ao conferenciante.
Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de marzo de 2000.