La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai cinco ou seis anos, os periódicos publicaron un desmentido sorprendente: non era certo que un neno chinés fose capaz de ler coas orellas. A noticia aparecera uns días antes, apoiada pola autoridade dun vídeo no que se vía o rapaz facendo unha exhibición das súas facultades. Finalmente, todo resultou ser unha fraude dos pais, uns campesiños pobres que só pretendían gañar un pouco diñeiro. Desa maneira, nin resolveron os seus problemas económicos nin enganaron a ninguén: acabaron no cárcere.

Agora leo que en Armenia hai un señor do tamaño dunha mosca, é dicir, que ten a feitura exacta dun home, pero que non mide máis que uns milímetros. Se o individuo vivise nun domicilio coñecido, todo estaría máis claro. Pero non é así, pois aseguran que o levaban uns ambulantes, metido nun frasco, na raia con Turquía.

A min, un home coma ese, gustaríame velo. Non tanto polo morbo de contemplar unha cousa rara, como por verlle os pantalóns, a chaqueta e os zapatos. Trátase do encanto das miniaturas. Con todo, non me estrañaría que, chegado o caso, a un señor dese tamaño e metido nun frasco de cristal, o máis probable é que o tivesen espido. Nisto, os propietarios dos fenómenos da natureza teñen unha tendencia irresistible a humillalos. Digo isto porque o outro día vin un anuncio dunha ra cantante vestida de soprano.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xaneiro de 1997.