En Italia, nunha aldea próxima a Cosenza, no sur do país, a unha nena de cinco anos saíronlle uns vultos nas costas, un de cada lado. Antes de que os médicos tratasen de explicar a que se debía ese feito, unha veciña empezou a dicir que as tales excrecencias non eran doutra cousa que ás e que a meniña era un anxo. Naturalmente, deseguida apareceron devotos para ver a criatura celestial, que de momento, deixando a un lado a circunstancia de que teña esa particularidade nas costas, compórtase como unha nena calquera.
Hai poucos meses aínda, un profesor americano da universidade de Minnesota, nos Estados Unidos, publicou un traballo polémico sobre o número de anxos existentes. Baseándose en estudos bíblicos moi rigorosos, chegou á conclusión de que son poucos, atrevéndose a adiantar unha cifra próxima aos trinta e cinco mil.
Como se sabe, os anxos están de moda en todo o mundo, sobre todo en América; hai pouco aínda, creouse unha asociación de amigos destes seres, que ten xa varios miles de adeptos. Supoño que se son certos os cálculos restritivos do profesor mencionado, a teoría tradicional, que viña dicir que cada ser humano conta desde o mesmo día do seu nacemento cun destes vixías protectores, vai sufrir unha revisión a fondo. Quizais sexa realista reducir as cifras de maneira radical: os accidentes quedarían mellor explicados.
Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xaneiro de 1995.